otras actividades »

2006 Memoria para o futuro
70 aniv. Campo de Concentración de Camposancos
   » Actos do 70 aniversario (pdf, 558 KB)
» Crónicas, 06/10/2006

 
 
Crónicas 06/10/20106

Ofrenda Floral no Cemiterio de Camposancos

Campo de Concentración de Camposancos


 

 
Ofrenda Floral no Cemiterio de Camposancos

O pasado venres (06/10/2006) celebráronse os actos que co gallo do 70 Aniversario do Campo de Concentración de Camposancos, organizaron CC.OO. e a Fundación 10 de marzo.

Ás nove e media da mañá, nos exteriores da Casa Consistorial, tivo lugar a recepción oficial aos participantes neste acto. O alcalde da Guarda, José Luis Alonso Riego, que desde o primeiro momento se implicou nesta celebración, saudou a todos os presentes, entre os que se encontraban familiares dos asasinados ou perseguidos polo réxime franquista, como María Pérez, sobriña-neta de Camilo Carrero, Gloria Portela Loureiro e Manuel Progreso Noya González, filo de Manuel Noya Gil, torturado e asasinado en 1936. Manel Fernández, Secretario de Política Institucional de CC.OO., actuou de maestro de cerimonias do acto matinal coa colaboración de Benigno Campos Melón, sempre atento ao desenvolvemento dos actos.

Aproximadamente ás dez da mañá a comitiva chegou ao Cemiterio de Camposancos onde se ía render tributo aos republicanos enterrados neste camposanto.

En primeiro lugar, seguindo a orde na que se atopan os túmulos funerarios, na tumba de Roque Camilo Carrero Lorenzo. Manel Fernández, que actuou de organizador, recordou á figura deste concelleiro socialista que foi "un home bo e xeneroso, emigrante en Puerto Rico e que de regreso ao país foi concelleiro, moi preocupado polos temas obreiros". Margarita Pérez Castro, embargada pola emoción, foi a encargada de depositar un centro de flores sobre a lousa, e outras persoas deixaron un caravel vermello que, minutos antes, recibiran todos cantos se congregaron neste acto. Entre os asistentes a honrar a memoria de Camilo Carrero tamén se atopaba unha sobriña, Rosa, que participou da ofrenda floral.

Na publicación editada co gallo dos Actos do 70 Aniversario do Campo de Concentración de Camposancos lese: "Roque Camilo Carrero Lorenzo foi concelleiro na Corporación de 1931, fusilado o 7 de decembro de 1936 na Alameda de Tui, xunto ao alcalde da Guarda Brasilino Álvarez Sobrino. Camilo foi acusado de jefe socialista, activo propagandista. Fue a Rusia. Su intervención en los últimos sucesos, a favor del Frente Popular. Se le considera peligroso... ¡Cando era un home profundamente católico, que foi a Rusia para 'palpar' de cerca aos soviéticos e logo pasar polo Vaticano para 'palpar' cómo era o 'latexo' da igrexa... que protexía e daba acollida a todos os curas que acudían a Camposancos!"

O percorrido continuou para deterse fronte a unha sinxela tumba de terra, sen nome e presidida por una cruz de ferro, na que nunca faltan as flores que, de forma anónima, deixan os camposinos. É a única tumba, recordaba Gloria Portela, que hai no cemiterio de Camposancos pertencente a un dos prisioneiros do Campo de Concetración, un mozo de 18 anos que –como tamén explicaría máis tarde o historiador José Ballesta- recibiu un tiro na cabeza cando ao asomarse á unha das fiestras (algo que tiñan prohibido) para recoller auga da chuvia, non atendeu a orde do centinela, porque o ruído da auga ao caer non deixaba escoitar a voz do vixiante. O corpo do mozo permaneceu dous días sen recibir sepultura, contando Cloria Portela que a súa nai, Eladia Loureiro, pediulle ao entón abade de Camposancos, Serafín Sueiro, terra para aquel rapaz "Don Serafín, é deber dos cristianos darlle sepultura aos mortos", autorizando o crego o enterro no que participaron o mesmo abade, Eladia e outros veciños do pobo.

O acto no cemiterio de Camposancos rematou coa intervención de Eva Cividanes Portela, quen leu os nomes daqueles outros fallecidos, por enfermidade, no Campo de Concentración da Pasaxe. Recordou Eva Cividanes que estes homes, que non se sabe en qué lugar están enterrados, loitaron tamén por uns ideais e a liberdade. A homenaxe a eles tivo lugar fronte ao cruceiro central onde se colocou, previamente, un centro de flores e prendéronse lampariñas na súa memoria. "Queremos rematar este emotivo e sinxelo acto", dixo Eva Cividanes, "cun recordo a todos os homes e mulleres máis anónimos, pero sempre cuns ideais de Liberdade

Permitídeme, dun xeito persoal, -pediu Eva Cividanes- recordar aos meus avós, Kiko e Eladia; Teo Loureiro e ao meu tío Valentín, para min transmisores dunha grande herdanza.

Este tipo de actos de lembranza -continuou Eva- permítennos desempolvar arquivos, onde nos atopamos coa triste realidade que neste camposanto xacen os prisioneiros de guerra fallecidos entre 1936 e 1940".

A continuación, e mentras soaba o Himno de Riego, Himno da República, interpretado por Tino Baz, Eva Cividanes, recordou a eses prisioneiros que atoparon terra neste ceminterio: "Anastasio Hernández Martínez, 21 anos, solteiro, natural de Salamanca e veciño de Bilbao,
finou o 8 de decembro de 1937 e foi enterrado o 9 de decembro; Maximino Díaz Llorente, 54 anos, casado, natural de Valencia de don Juan e veciño de Fogoin, finou o 9 de decembro de 1937, enterrado o día 10; Isidro Prieto Polo, 25 anos, solteiro, natural de Mieres (Asturias), finou o 20 de decembro de 1937, enterrado o día 21; Ramón Herandi Vallajo, 21 anos, solteiro, natural de Villamayor, finou o 16 de xaneiro de 1938, enterrado o día 17; Inocencio Cuena Estalayo, 44 anos, viúvo, natural de Madrid, finado o 6 de marzo de 1938 e enterrado o día 7; Camilo Álvarez Hernández, 24 anos, solteiro, natural de San Cosme-Cudillera (Palencia), finou o 27 de marzo de 1938, enterrado o día 28, e Ovidio Arango García, 25 anos, solteiro, natural de Pravia (Asturias), finou o 2 de abril, enterrado o día 3".

Os datos figuran no Libro IV de Defuncións do Arquivo Parroquial de Nosa Señora da Visitación de Camposancos e foron recopilados e facilitados polo párroco Ángel Soliño Fernández.

 

 
Campo de Concentración de Camposancos


A comitiva de participantes nos actos que tiveron lugar no cemiterio parroquial de Camposancos (06/10/2006), reuníronse, posteriormente, na Praza da Segunda República, trasladándose, a continuación, ao colexio dos Xesuítas da Pasaxe, onde visitaron as distintas dependencias que serviron de celas aos prisioneiros; o salón do teatro no que se ditaron as condenas a morte e un dos patios interiores que era, ademais, por onde se entraba ao Campo de Concetración.

No exterior do edificio, propiedade que, xunto aos terreos, foi adquirida xa pola inmobiliaria do ex céltico Karpin, agardaba o historiador José Ballesta quen acompañou aos visitantes e foi explicando os usos que tiveron as distintas estancias e os tráxicos acontecementos que sucederon no interior do colexio.

Aínda que o acceso se realizou pola porta principal, que era daquela utilizada só polos xesuítas, José Ballesta explicou que a entrada ao Campo de Concetración situábase na estrada Pasaxe-A Guarda. Os xesuítas conseguiran, coa súa insistencia, que lle devolvesen parte do edificio, que empregaron como residencia na que conviviron preto de corenta sacerdotes de media mentres durou a guerra civil. Continuou explicando o historiador que durante a contenda, conviviron presos e xesuítas en distintas alas, aínda así "podían mirarse e interactuar, de feito hai conversas moi interesantes entre presos e xesuítas acerca da represión política, que estamos descubrindo". José Ballesta traballa nun documental sobre o Campo de Concentración de Camposancos que o levou a manter entrevistas con distintas persoas que tiveron relación directa ou indirecta con Camposancos.

Tras franquear a porta, os visitantes situáronse no patio principal, outrora presidido por unha imaxe da Virxe e uns xardíns coidados, e hoxe, tristemente cunha faciana dramática.

"Este é o núcleo orixinario do colexio de Camposancos", explicou Ballesta, "o primeiro corpo do colexio é onde viviron os xesuítas durante a guerra civil. Aquí non entraban os presos, pois estaba esta parte completamente separada do Campo. Na parte baixa situábase o comedor e a cociña". Os xesuítas denominaron a esta parte "o pequeno Vaticano porque era un entramado de estancias e corredores, difíciles de seguir (por quen non coñecese o interior)".

Para acceder ao primeiro dos patios, aquel no que se situaba a entrada ao Campo de Concentración, hai que salvar o desnivel existente entre ese patio e a entrada principal, na Praza da Segunda República, subindo ao primeiro andar... e percorrer os longos corredores cheos de luz deste colexio que é referencia obrigada da Guarda, pola súa importancia cultural-educativa (de aquí xurdiron as universidades de Deusto e Comillas), e pola intensa emotividade que xurde aínda hoxe dos tráxicos acontecementos do chamado Alzamento Nacional.

"Un día, contaba a miña nai", unha muller díxollo: tú tienes un hijo de la edad de uno mío. Tráemelo para que yo lo vea para saber como está mi hijo, porque mañana me lo van a matar. E a mamá veo co seu fillo, e a muller acariñouno como se fose o seu, e ao día seguinte..." [Gloria Portela Loureiro].

Descendendo uns escalóns, pásase ao Salón de Actos, amplio, cun escenario que evidencia a finalidade deste espazo. Unhas butacas de madeira, en desorden, a penumbra invadindo o interior e unhas paredes mudas, pero das que parecen xurdir alentos pasados, invade os corazóns dos que o día 6 de outubro de 2006, visitaban este lugar... Neste escenario celebráronse concertos, representacións teatrais, incluso as proxeccións de cine porque este colexio foi o primeiro punto de Camposancos que tivo luz eléctrica (corraborando José A. Uris Guisantes as palabras do historiador) pero tamén, seguiu explicando José Ballesta, "cando se convirte en Campo de Concentración utilizan o salón de actos para veladas teatrais dos propios mandos, e mesmo para celebrar os tremendos Consellos de Guerra, a unha media de seis consellos diarios, tres pola mañá e outros tres pola tarde, ditándose moitas penas de morte e numerosas condenas a cadea".

As palabras de Ballesta exteriorizaban o sentimento dos que, nesta xornada, visitaban o salón de actos, "e impresionante velo (o salón de actos), pensando que foi sala de Consellos de Guerra", aínda que non era o único lugar no que se decidía a sorte dos prisioneiros, "teño datos de que había unha sala, mesmo á entrada, que tamén se utilizaba con esta finalidade, e incluso outra ao lado da estrada da que me chegou información de que tamén nesa se facían Consellos de Guerra".

Algúns veciños de Camposancos, que antes das reformas emprendidas no colexio visitaban o edificio, recordan ver debuxos feitos polos presos nas paredes dos pavillóns que lles serviron de cárcere. José Ballesta engade que hai técnicos interesados en rescatar algúns destes gravados "pero non é fácil porque coas últimas reformas, revestíronse as paredes e se perderon os debuxos dos presos".

No patio principal, no que se abre a porta que dá á estrada Pasaxe-A Guarda, o historiador continuou recordando a historia do Campo de Concentración "aquí formaban varias veces ao día e cantaban o Cara al Sol, izaban a bandeira, desde ese posto (as dobres escaleiras opostas da fotografía) oficiaban misa tanto para os do patio de arriba (ao que se accedía por esas mesmas escaleiras) como para os de abaixo, e tamén cando viña algún mando da Falanxe ou alguén importante, sermoneaba aos presos desde o alto da escaleira".

Este era o patio dos estudantes maiores do colexio, cando este centro se dedicaba ao ensino. O segundo patio, subindo polas escaleiras antes mencionadas (agora é dificultose acceder), estaba ocupado polas cociñas, baixo un galpón, para cociñar a comida dos presos, verzas, patacas, legumes. "Segundo a última testemuña que recollín", conta José Ballesta, "había un galpón con sanitarios e lavabos para os presos, que quedaron completamente inutilizados porque hai que pensar que eran 3.000 persoas para unha capacidade máxima que podía albergar, de 800". O terceiro patio, que queda na parte máis elevada, é o das mellores vistas pois desde el pode divisarse o río Miño e Portugal. "Este era o patio que os prisioneiros chamaban a xaula porque era o sitio onde estaban os condenados a morte. Alí pechábanos, baixo unha vixianza extrema, con centinelas apostados constantemente e con rexa metálica, e alí esperaban como nun corredor da morte a que chegase o momento de seren chamados".

"Os presos dormían na nave superior, que eran os dormitorios, nunhas condicións infrahumanas de amoreamento brutal, piollos, falla de hixiene, etc. En realidade dormían por todo o campo, desparramados, nas escaleiras, sobre os pisos sen colchóns, sen mantas, e o que tiña sorte, recibía unha da familia, pero en seguida a requisaban os axentes que estaban a cargo do campo.

Tamén dormían nas que foran antigas aulas, na parte de abaixo. Un dato que xa está contrastado, é que tamén había mulleres e nenos no Campo, que foran atrapados nesa fuxida desesperada de Asturias, o 21 de outubro de 1937, parece ser que estiveron durante un tempo aloxados arriba, aillados dos presos. Teño a testemuña dun asturiano que foi neno aquí con seis anos, e me falou deste asunto. E Teresa Galdó, que foi telefonista en Camposancos, tamén me dixo que desde o seu posto, que estaba ao outro lado, podía mirar ás mulleres. Ao parecer houbo dous partos no propio Campo, e unha señora recentemente falecida aquí da Guarda, que era Josefina Lorenzo, A Leona, foi unha das mulleres que axudou a estas presas a dar a luz.

Esta torre era o pavillón da tortura. Nela vivían parte dos oficiais, consérvase algunha pintada da Falanxe, o xugo e as frechas, e a ela trasladaban aos presos máis significados, aqueles que eran reacios a confesar ou a dar o seu nome verdadeiro, ou para sacarlles máis información, sendo sometidos a maltrato continuado e brutal. Eran torturados.

Algún preso conseguiu fuxir do Campo; hai varios intentos de fuga, algúns, inicialmente, parecen triunfar, pero finalmente son capturados. Así aconteceu a cinco asturianos que consiguen fuxir do Campo; tiran hacia Ourense para poder cruzar a Portugal, pero serán capturados. Un deles faise popular no Campo cando volve porque lle colocan un grillóns nos nocelos, e se arrastra con eles. Parece ser que cando lle dictan a pena de morte, pregúntanlle 'Casildo, ¿que tal?,¿como recibes a pena de morte? E responde: Ben, porque non foi garrote foi fusilamento'. Parece ser que a morte con garrote é máis cruel. Hai quen di que aquí se executou a presos con garrotel vil, pero non o teño confirmado, e unha testemuña nada máis...".

A maioría dos presos condenados a morte foron executados no cemiterio da Guarda e tamén na Sangriña. Da Sangriña foron levados á Fosa Común de Sestás. Outros foron trasladados e executados en Tui, na illa de San Simón, no castelo do Castro, en Pontevedra, en Celanova. A orixe destes traslados podería estar relacionada coa idea de extender a estratexia do terror; é dicir, exemplarizar levando presos fóra da zona e tamén, poidese vir motivados eses traslados ás protestas dos veciños da Guarda que estaban fartos de ver cadáveres e desta situación de terror.

"Nas madrugadas, cando os sacaban para executalos, facíano por un portal que hai aí detrás das arcadas, que dá ao Palomar" " A xente do Palomar entón aconsellaba aos seus fillos quedarse máis tempo na cama, para evitarlles o espectáculo. [Gloria Portela].

"Segundo soprase o vento", continuou explicando José Ballesta, "os veciños, ben de Salcidos ben os de Camposancos, oían os disparos. O terror foi dominante nesa época en Camposancos. Ninguén podía achegarse ao colexio, e os veciños tiñan que dar unha volta, bordeando o edificio. Os falanxistas, recrutados das aldeas veciñas, normalmente, encargábanse da garda interna do Campo, eran déspotas e brutais; a garda exterior facíana soldados do Réximento Mérida 35, estando acampada a tropa no outro lado da estrada, no que é a horta do colexio. Os militares non foron especialmente duros cos presos ".

"O ambiente que había no Campo entre os presos", remataba o historiador José Ballesta, "era de camaradería, e , xeralmente, reuníanse por comunidades, xa que se trouxeron xentes de toda España, fundamentalmente do norte: País Vasco, Cantabria, Galicia e Asturias. Entre eles había, como diciamos antes, algún artista que pintaba nas paredes e facía extraordinarios debuxos". Na planta, que fora dormitorio dos universitarios, e logo dos presos, había paredes con eses debuxos "realizados cunha extraordinaria técnica segundo a xente que os puido ver. Ese piso caeu despois da guerra, e perdeuse todo aquelo. Só quedan no recordo da xente".